PNAC

O Plan Nacional da Alianza de Civilizacións


Versión en gallego

1. Antecedentes

O 14 de xullo de 2005, o secretario xeral da ONU lanzou formalmente a Alianza de Civilizacións. Este proxecto, presentado polo presidente do Goberno de España ante a Asemblea Xeral da Organización o 21 de setembro de 2004, converteuse a partir daquela data nunha iniciativa das Nacións Unidas. Arredor dela foi tomando corpo un Grupo de Amigos que a avala politicamente, integrado na actualidade por máis de oitenta países e organizacións internacionais. Perfeccionouse así a vocación de universalidade que a caracteriza.

A proposta orixinaria do presidente do Goberno apoiábase na constatación da urxente necesidade de superar a fenda que se está a abrir entre o mundo occidental e o mundo árabe e musulmán. Respondía tamén aos principios de ética internacional sobre os que descansa a política exterior do Goberno: o compromiso coa legalidade internacional, o pleno respecto dos dereitos humanos sen discriminación ningunha por razón de sexo e o apoio resolto ao multilateralismo que representan as Nacións Unidas.

En 2005, o Sr. Kofi Annan, secretario xeral da ONU, estableceu un Grupo de Alto Nivel co mandato de analizar as causas da actual polarización entre sociedades e culturas. No seu informe, o grupo formulou unha serie de recomendacións políticas destinadas a lle facer fronte a unha ameaza que pode poñer en perigo a paz e a estabilidade internacionais e propuxo un conxunto de medidas prácticas –nos campos da xuventude, a educación, os medios de comunicación e as migracións–, que coadxuven a tal propósito. Estas medidas deben materializarse na fase de aplicación que agora se inicia. O Grupo de Alto Nivel recomendou tamén a designación polo secretario xeral dun alto representante para a Alianza de Civilizacións e a celebración dun foro da Alianza en que se dean cita gobernos, organizacións internacionais e sociedade civil.

O Goberno de España ofreceuse a acoller o foro. A súa primeira edición celebrarase en Madrid os días 15 e 16 de xaneiro de 2008. O 26 de abril pasado, o secretario xeral Sr. Ban Ki-moon nomeou alto representante o doutor Jorge Sampaio quen, en xuño, presentou o Plan de Acción da Alianza para o bienio 2007-2009 e, en setembro, propúxolles aos membros do Grupo de Amigos a elaboración de "Estratexias nacionais" e de "Cartas de partenariado" relacionadas coa alianza.

2. O Plan Nacional

Por razóns históricas, xeográficas e culturais, por ineludibles consideracións de seguridade, por coherencia política e por ser España o país onde naceu esta iniciativa e cuxo presidente do Goberno a copatrocina, xunto co primeiro ministro de Turquía, o Goberno estimou oportuno dar unha resposta positiva ao convite formulado polo alto representante e proceder á elaboración dun Plan Nacional da Alianza de Civilizacións.

Consciente da súa responsabilidade ao asumir este compromiso, o Goberno proponse traducir a escala nacional os fins concretos que persegue a Alianza, integrándoos tanto na súa política exterior e de cooperación coma no conxunto das súas políticas internas sectoriais. Trátase de enmarcar estas políticas nunha visión estratéxica, co fin de potenciar as existentes, deseñar outras novas e encher as posibles lagoas, dotándoas a todas de maior visibilidade e converténdoas, a ser posible, en fonte de inspiración e de estímulo para o que xa se está a facer ou poida facerse en diante por parte do conxunto das administracións públicas e da sociedade civil. Con este plan, o Goberno pretende tamén que España desempeñe un papel de exemplaridade, en consonancia cos principios éticos que inspiran o seu discurso.

Para o logro destes obxectivos, o Goberno dispón de valiosos instrumentos. Casa África, Casa América, Casa Árabe, Casa Asia e Casa Sefarad-Israel están chamadas a coadxuvar decididamente a este propósito colectivo, xunto co Real Instituto Elcano, o Instituto Cervantes, o Instituto Europeo do Mediterráneo, a Fundación Carolina, a Fundación Pluralismo e Convivencia e a Fundación Tres Culturas.


3. Ámbitos de actuación

O Plan de Acción español é equilibrado e desenvolverase, no marco do pleno respecto dos dereitos humanos e da plena igualdade entre homes e mulleres, nos catro ámbitos de acción prioritarios antes citados: a xuventude, a educación, os medios de comunicación e as migracións. Os principios e obxectivos en que se basea son os mesmos que presiden o Informe do Grupo de Alto Nivel e o Plan de Acción proposto polo alto representante:

a) A globalización dos movementos xuvenís ofrece novas posibilidades de acción, co obxecto de potenciar os seus intercambios, promover un mellor coñecemento mutuo e os contactos entre diferentes culturas e tradicións e mellorar a súa participación na economía, mediante unha estratexia consensuada de emprego xuvenil.

b) Os sistemas educativos deben preparar a xuventude para o respecto dos dereitos humanos, o aprecio da diversidade e da plena igualdade de xénero, así como para lle facer fronte ao reto dun mundo interdependente. É necesario infundir valores relacionados coa solidariedade e o respecto aos demais; impartir unha educación integradora do mundo, cívica e para a paz, global e transcultural, unha educación para o emprego. É preciso desenvolver e potenciar os programas de intercambio e proceder a unha reavaliación do papel dos medios de comunicación, das novas tecnoloxías e do acceso da xuventude a Internet.

c) É imperativo coordinar as estratexias, no ámbito nacional, rexional e internacional, para abordar as causas, as consecuencias, así como as posibles respostas, ao fenómeno dos actuais movementos migratorios. Son necesarias accións concertadas nos países receptores que subliñen os beneficios da inmigración, que poñan en marcha proxectos contra a discriminación e que avalen as asociacións de inmigrantes, a escolarización dos seus fillos e a promoción de programas de educación cívica.

d) É necesario promover o uso responsable dos medios de comunicación e combater os programas que alimentan percepcións e estereotipos hostís, violentos ou discriminatorios. Internet e outros medios desempeñan nesta tarefa un papel decisivo. As escolas de periodismo deben potenciar un mellor coñecemento da realidade internacional, en particular nos ámbitos en que se solapan a relixión e a política. Débense fomentar os contidos que contribúen a mellorar o entendemento intercultural.


4. Financiamento, coordinación e mecanismo de seguimento

O Plan Nacional debe entenderse como concibido a medio e longo prazo e, por iso, debe ser sostible no tempo. Será revisado ao cabo de dous anos da súa posta en marcha. Contará cos recursos financeiros necesarios para incentivar proxectos concretos promovidos pola sociedade civil. Un coordinador asumirá a tarefa de dotar de unidade de criterio a acción gobernamental e será o punto de contacto tanto en España coma respecto da Secretaría da Alianza en Nacións Unidas e dos responsables dos plans nacionais que poidan establecerse no exterior. Para o desenvolvemento das súas funcións, o coordinador disporá dunha infraestrutura acorde con estas funcións.


5. Catálogo de actuacións

a) Destinadas a favorecer o coñecemento mutuo e o aprecio da diversidade

1. Fomento do ensino dos principios e valores da Alianza de Civilizacións, no marco das competencias básicas que debe alcanzar todo alumno ao finalizar a súa educación obrigatoria e dunha visión globalizadora e transcultural das relacións humanas; recuperación dos valores da formación humanística.

2. Fortalecemento dos proxectos de cooperación cuxa finalidade de desenvolvemento coincide cos principios e obxectivos da Alianza de Civilizacións e planificación dunha liña de bolsas específicas para a xuventude de países prioritarios da cooperación destinadas a actividades desta natureza.

3. Promoción dos intercambios con estudantes de ambos os dous sexos, en particular cos procedentes do mundo árabe, mantendo os programas actuais cos procedentes de Iberoamérica e definición dun programa de bolsas para o alumnado universitario, dirixido especialmente ao orixinario do Magreb.

4. Plan de formación de arabistas españois. Formalización dun acordo coa Universidade Mohamed V de Rabat, para o apoio aos hispanistas marroquís.

5. O ensino das relixións minoritarias nas escolas continuarase  impartindo, de conformidade co disposto nos acordos de cooperación, coa Federación de Entidades Relixiosas Evanxélicas, a Federación de  Comunidades Israelitas e a Comisión Islámica e, se é o caso, cos que no futuro poidan subscribirse con outras confesións relixiosas. Formación máis acusada no ámbito do ensino preuniversitario e universitario dos temas relacionados coa pluralidade relixiosa e cultural; posta en marcha de programas de capacitación de profesores de relixión, e do profesorado en xeral, en cuestións relacionadas coa pluralidade relixiosa e cultural.

6. Impulsión dun plan de formación académica do persoal relixioso das confesións minoritarias con Acordo de Cooperación co Estado, así como dun programa de bolsas e de axudas á devandita formación.

7. Establecemento do Premio da Capitalidade Intercultural, anual e destinado á cidade española que se distinga neste campo.

8. O Centro de Recursos para a Atención á Diversidade Cultural procederá á difusión dos valores da Alianza mediante o material didáctico que produce e cooperará para tal efecto coas demais administracións públicas.

9. Actuación de cara á integración da Alianza na Convención para a Protección e Promoción da Diversidade das Expresións Culturais e na celebración do 2008 Ano Europeo do Diálogo Intercultural.

10. Incremento da colaboración co Foro Permanente de Universidades Euromediterráneas, co obxecto de consolidar a cooperación neste espazo de investigación e de educación superior.

11. Creación de novas rutas temáticas segundo o modelo da Ruta Quetzal.

12. Elaboración dun programa de subvencións destinado a proxectos de investigación e accións complementarias, inspirados nos principios e obxectivos da Alianza de Civilizacións. Neste marco, contemplarase a realización de traballos conxuntos por parte de especialistas españois e de países do Magreb, en particular os relativos á historia das súas relacións bilaterais, para o que se convocarán os concursos correspondentes.

13. Utilización da Universidade Xuventude e Desenvolvemento para un encontro mundial de novos líderes estudantís.

14. Extensión do Programa de Encontros Interculturais a centros de educación secundaria de países da cunca sur do Mediterráneo.

15. Creación dun Corpo de Voluntarios da Alianza de Civilizacións.

16. Contribución ao Fondo Mundial de Solidariedade da Xuventude.

17. Restauración da fachada da Biblioteca de Saraxevo.

18. Plan de Acción da Carta Cultural Iberoamericana.


b) Destinadas á promoción de valores cívicos e dunha cultura de paz

1. Fomento das accións a favor da educación para a paz, mediante o incremento das subvencións destinadas aos proxectos que mellor se adecúan aos obxectivos da Alianza. Campaña de tradución de autores do pasado, cristiáns, xudeus e musulmáns, que preconizaban condutas inspiradas en principios parecidos aos que promove a Alianza, así como de traducións ao árabe de autores españois de semellante signo.

2. Promoción das actividades relacionadas coa prevención de conflitos, a construción da paz e o apoio á non-violencia; reforzamento das actividades desenvolvidas no marco do obxectivo de aumento da liberdade e das capacidades culturais.

3. Conxunto de actuacións para a mellora da convivencia e da seguridade nos centros escolares.

4. Organización e impulso de seminarios e encontros sobre cuestións relacionadas coa democracia, os dereitos humanos e o papel da relixión na sociedade moderna. Fortalecemento dos arquivos bibliográficos e documentais relacionados coas culturas e as relixións.

5. Utilización do deporte como instrumento para o desenvolvemento da solidariedade e da construción da paz e da seguridade naquelas zonas de conflito nas que as Forzas Armadas participan en operacións de mantemento da paz; actuación sobre as entidades deportivas españolas de cara ao seu apoio desinteresado aos principios e obxectivos da Alianza de Civilizacións.

6. Desenvolvemento do Plan de Acción Nacional para a aplicación da Resolución 1325, do Consello de Seguridade das Nacións Unidas (2000), sobre mulleres, paz e seguridade.

7. Creación, a través da Universidade Internacional Menéndez Pelayo e no marco da rede de centros da Universidade das Nacións Unidas, dun instituto universitario destinado á formación e investigación de disciplinas relacionadas coa Alianza de Civilizacións.

8. Promoción, xunto co Goberno do Reino de Marrocos, do proxecto da Universidade dos Dous Reis, con sede en Tetuán, co obxecto de consolidar un espazo de diálogo e de cooperación euro-mediterráneo.

9. Intensificación das actividades da Fundación Euroárabe de Altos Estudos de Granada, para fortalecer as pontes de entendemento e de cooperación intercultural entre distintas culturas e civilizacións.

10. Focalización da campaña "Intolerantesanónimos.com" nos postulados da Alianza de Civilizacións.

11. Creación, a través da Fundación Pluralismo e Convivencia, dun Observatorio do Pluralismo Cultural e Relixioso en España.


c) Destinadas a mellorar a integración e a capacitación dos inmigrantes, con especial atención á xuventude

1. Posta en marcha do Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 2008-2011.

2. Elaboración de acordos de asistencia e de cooperación cos países de orixe e de tránsito dos fluxos migratorios.

3. Elaboración dun programa coordinado de bolsas de formación profesional, de formación científica e de posgrao destinado á inmigración.

4. Deseño e posta en práctica dun conxunto de medidas tendentes a evitar a explotación do inmigrante en calquera sector da vida pública e social e á eliminación daquelas prácticas que, por ser atentatorias contra a súa dignidade, poden considerarse contrarias á orde pública.

5. Fomento da incorporación dos inmigrantes na estrutura sindical e apoio ao movemento asociativo dos inmigrantes cando promova programas de educación cívica.

6. Capacitación da muller inmigrante para fomentar a súa participación e liderado nas súas respectivas comunidades e na sociedade española en xeral.

7. Adopción de medidas específicas, en particular no ámbito educativo, destinadas a favorecer a integración dos fillos dos inmigrantes desenvolvendo políticas inclusivas que fagan posible a igualdade de oportunidades nunha sociedade diversa.

8. Elaboración de plans de formación, en colaboración coa Federación de Municipios e Provincias, dirixidos a alcaldes concelleiros, segundo o modelo dos cursos “Pluralismo relixioso e sociedade".

9. Potenciación da mediación, nas comunidades autónomas e entidades locais, como procedemento de resolución de crises e conflitos e elaboración de manuais de boas prácticas.

10. Constitución de grupos de traballo permanentes cos países de orixe da inmigración, co obxecto de centralizar a posta en marcha das medidas contidas no Plan Nacional.

11. Promoción da Convención Iberoamericana de Dereitos da Xuventude e extensión a outras áreas de cara á sinatura dunha Convención Mundial de Dereitos da Xuventude; incorporación dos valores da Alianza de Civilizacións ao Plan Iberoamericano de Cooperación e Integración da Xuventude.

12. Inclusión dunha liña Alianza de Civilizacións no Plan Interministerial para a Xuventude e elaboración, polos Institutos da Xuventude e da Muller, de plans de actuación en consonancia cos principios e obxectivos desta iniciativa.

13. Deseño dun plan de emprego dirixido á xuventude inmigrante, potenciando e priorizando o Programa de Emancipación Xove e ampliándoo a outros colectivos inmigrantes.

14. Dotación financeira dun proxecto de internacionalización da Rede de Espazos para a Creación Xove.

15. Programa de ensino e aplicación das tecnoloxías da información e das comunicacións, de utilización de Internet e de promoción da educación mediática.

16. Integración da xuventude inmigrante no Programa de Novos Cooperantes e extensión deste programa a zonas en que se interveña no marco da Alianza.

17. Intensificación, e posible extensión, do Plan de Estratexia Integral para a Protección de Menores Vulnerables, especialmente os pertencentes a familias transnacionais.


d) Destinadas á promoción e difusión da iniciativa da Alianza de Civilizacións

1.Establecemento dun mecanismo permanente de coordinación interministerial das campañas de sensibilización de carácter xeral e elaboración de enquisas sobre a percepción social dos principios que inspiran a Alianza de Civilizacións e sobre o impacto das medidas postas en marcha para a súa consecución. Co fin de optimizar este obxectivo, procederase á elaboración e distribución de material didáctico e á creación de liñas editoriais específicas de cara a un mellor coñecemento da Alianza de Civilizacións.

2. Promoción de proxectos de investigación e de estudos relacionados cos valores da Alianza, así como de educación e sensibilización arredor dos obxectivos do milenio, dirixidos a alumnos de primaria e de secundaria.

3. Co fin de impulsar a cooperación e a coordinación da acción da sociedade civil neste ámbito, en particular no campo da sensibilización, a participación cívica e o diálogo intercultural, procederase á creación dunha Rede de Entidades para a Promoción dos valores e principios que inspiran a Alianza de Civilizacións (REPAC).

4. Incorporación ao Fondo España-UNESCO dunha liña de financiamento multidisciplinar no ámbito dos obxectivos da Alianza. Promoción e apoio financeiro da Rede Internacional sobre Relixións e Mediación aprobada pola UNESCO.

5. Introdución nos cursos de formación dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado de cuestións relativas á diversidade cultural, a interculturalidade, a tolerancia e o respecto dos dereitos humanos. Elaboración, para tal efecto, de guías de recomendacións e de boas prácticas. Co mesmo obxecto, elaboraranse códigos de boas prácticas destinados ao persoal sanitario e ao pertencente a institucións penais, así como ao empresariado español.

6. Promoción e divulgación polos establecementos educativos españois no exterior (Instituto Cervantes, consellerías culturais e de educación), da natureza e os obxectivos que persegue a Alianza de Civilizacións.

7. Presenza activa da Alianza nas actividades que se vaian desenvolver, tanto en España coma nos foros internacionais.

8. Organización en 2009 do Congreso Internacional A Alianza de Civilizacións: Retos e Oportunidades.

9. Inclusión nos programas de estudos das escolas e facultades de Ciencias da Información de materiais que proporcionen un mellor coñecemento da realidade internacional; promoción da educación mediática.

10. Elaboración dunha guía de tratamento mediático das cuestións relacionadas cos temas que aborda a Alianza de Civilizacións e, xunto con RTVE, dun plan de difusión dos valores da diversidade cultural, da tolerancia e da resolución pacífica de conflitos; ampliación do dereito de acceso a RTVE, co fin de aumentar os contidos culturais dos programas relacionados coa diversidade.

11. Apoio á produción ou coprodución de películas e series que fagan promoción dos valores da Alianza de Civilizacións.

© 2010. Presidencia del Gobierno